> actualidad

A bolsa do pan regalará os versos de dez poetas galegas

O director xeral Luis Bará presentou onte na Coruña un programa que pretende levar a literatura poética ao ámbito do cotián ·· Eva Veiga, Marilar Aleixandre e Chus Pato, entre outras, participarán nesta iniciativa

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, na presentación na Coruña de ‘Pan con poesía’A Consellería de Cultura repartirá nas máis de 1.100 panadarías de toda Galicia un total de 500.000 bolsas de pan que levarán escritos poemas de dez escritoras galegas. O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou onte na Coruña, con motivo do Día da Poesía, o programa Pan con poesía 2007, unha iniciativa que pretende trasladar este xénero a outros ámbitos, neste caso mediante a súa unión a un elemento con afincada tradición social, o pan.

Os cidadáns de 114 concellos poderán levar durante unha semana na súa bolsa do pan os versos de dez poetas galegas contemporáneas: Marilar Aleixandre, Marica Campo, María do Carme Kruckenberg, Pilar Pallarés, Chus Pato, Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán, Xohana Torres, Eva Veiga e María Mariño, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Ata maio, cada semana distribuiranse as bolsas nunha zona de Galicia previa presentación do programa, da man da poeta correspondente a cada lugar.

Esta campaña dá comezo na área da Coruña con Eva Veiga como autora homenaxeada, cuxa obra chegará ós fogares da comarca.

Seguiranlle outras semanas dedicadas a Luz Pozo Garza na área da Mariña lucense, Chus Pato na zona de Ourense/Deza, Xohana Torres en Vigo, Marilar Aleixandre en Santiago de Compostela, María Xosé Queizán en Valdeorras, Marica Campo en Lugo, María Carme Kruckenberg en Pontevedra e Pilar Pallarés en Ferrol.

Para rematar, a campaña terminará na semana de conmemoración do Día das Letras Galegas con María Mariño como protagonista dos poemas nas bolsas de pan das panadarías da zona das rías de Noia, Muros e Arousa.

A presentación desta campaña realizouse durante un acto para conmemorar o Día da Poesía no mercado de Santo Agostiño na Coruña, onde o narrador e poeta Fran Alonso se encargou de dar ler o manifesto Cinco razóns para ler a poesía acompañado das poetas Eva Veiga, Marilar Aleixandre e Marica Campo e do presidente da Federación Galega de Panadarías (Fegapan), Francisco Lorenzo.


O galano das linguas e das verbas

O Consello da Cultura acolleu onte, en colaboración co PEN Clube, o festexo do Día Mundial da Poesía. No acto participaron os poetas Helga Moreira, Carlos Marzal, Eva Rumí, Manuel Rivas, Miguel A. Fernán-Vello e Luís González Tosar. Leuse o manifesto da Unesco para a celebracion. Nas dúas imaxes, os participantes .


Hemeroteca: 2006 · 2007 · 2008 · 2009 · 2010